Contacto
CATEDRAL DE SAN MARTÍÑO
Aínda que hai discrepancias sobre a data de inicio das obras de construción, é seguro que o altar maior foi consagrado no 1188, como consta no documento que, xunto coas reliquias de San Martiño, traídas desde Tours, foi gardado nunha das cinco columnas que lle servía de soporte. Parecen suscitar menos polémica as datas do seu remate (1218-48). Malia que ten base románica, a catedral medra coa historia e ao ritmo da cidade que a alberga, e chega a ter ata catro consagracións, a última en 1966.
Hai tres espazos que non deben pasar inadvertidos para o visitante: a capela do Santo Cristo, construída entre os séculos XVI e XVIII, na que destaca o baldaquino que acolle a figura do Crucifixo. é esta unha imaxe gótica que, segundo a tradición, é unha das copias que Nicodemo fixo de Xesús morto cando o baixou da cruz. A capela é coma un xoieiro, recuberta de madeira policromada con ornamentación vexetal,columnas salomónicas e relevos da Paixón.
O Pórtico do Paraíso merece tamén especial atención por ser unha das obras máis fermosas da catedral. Da primeira metade do século XIII, foi comparado, con desvantaxe para el, co de Compostela. Para algúns ten valores propios de idealización e serenidade na tradición gótica de obras francesas e burgalesas. é a transcrición en pedra do bíblico Xuízo Final, explicado dun xeito moi minucioso.
O retablo do altar maior é do século XVI, de Cornielis de Holanda, decorado con escenas da vida de Xesús, a Virxe e San Martiño. Destacan as 36 figuras de pequena talla colocadas entre as columnas. Están pintadas de branco e representan santos e personaxes do Antigo Testamento ataviados e cubertos seguindo a moda flamenga do 1500.
SANTA EUFEMIA
Cando os xesuítas chegaron a Ourense, construíron a súa igrexa onde antes estivera o barrio xudeu, na antiga rúa Nova, hoxe Lamas Carvajal. No ano 1653, cando se inaugura, aínda sen cubrir o cruceiro e o presbiterio, colócase un altar maior improvisado coas imaxes da Inmaculada e Santo Ignacio. O actual, de estilo rococó, foi instalado no século XIX; procede da igrexa de San Francisco e ten no centro a imaxe do Cristo da Esperanza de 1753, obra dun escultor ourensán.
Durante o reinado de Carlos III os xesuítas foron expulsados de España e vanse de Ourense no 1767. Como a igrexa, mesmo sen rematar, era grande dabondo e para que non se notase a ausencia na cidade da Compañía de Xesús, trasladouse a ela, desde a catedral, a parroquia de Santa Eufemia.
O máis destacado da igrexa é a teatral fachada barroca proxectada e realizada en 1770 polo monxe beneditino do mosteiro de Celanova, frei Plácido Iglesias, que constrasta co interior do templo dun acusado clasicismo. Ten unha parte central cóncava que une os dous macizos corpos laterais feitos para soster dúas torres, que non se realizaron no seu momento. Chea de movimento, destacan nela a gran ventá, con marco labrado a maneira de espello, e a decoración vexetal, que é de placas, tan típica do barroco galego.
SANTA MARÍA NAI
No lugar no que agora se ergue esta igrexa do século XVIII, existiu, segundo se di, un templo construído polos suevos convertidos ao cristianismo despois de que San Martiño de Tours obrase o milagre de curar o fillo do rei Carriarico, que, ao parecer, tivo corte en Ourense. O primitivo edificio, que era por entón a catedral da cidade, foi arrasado nas sucesivas incursións normandas e árabes e reconstruíuse no ano 1084, como reza na inscrición que se conservou na porta norte. Cando se fixo a nova catedral no século XII, a igrexa quedou reducida a capela funeraria e en 1722 foi derrubada porque ameazaba ruína.
O templo actual benefíciase da perspectiva que lle dá a escalinata que sae da praza Maior. Acaroado polo sur ao antigo pazo episcopal e polo norte á bela praciña da Madalena, álzase coa súa planta dunha soa nave e transepto, sobre o que se ergue unha cúpula. A fachada barroca de tres corpos acolle catro dobres columnas que se cre pertenceron á antiga edificación sueva.
A titular da igrexa é Santa María que ten unha representación no centro do retablo do altar maior. A imaxe sedente de factura barroca retrátaa como unha señora ricamente adornada co Neno no colo. O día de Pascua é levada en procesión ata a capela do Santo Cristo da catedral.
TEATRO PRINCIPAL
Santiago Sáez Pastor decidiu construír na década de 1830 o Teatro Principal, na rúa da Paz, antiga rúa dos Zapateiros. Ao parecer, foi unha especie de vinganza porque venderon o palco que el tiña reservado, nun día de función, no vello teatro.
Levantou o novo no lugar onde tiña a súa vivenda e o seu negocio, un banco. O edificio foi un pequeno teatro “á italiana”, é dicir, cun patio de butacas e palco na planta baixa, tres pisos de palcos e escenario. O teito con decoración vexetal e xeométrica. A parte que daba á rúa tiña planta baixa, que era o vestíbulo do teatro, e catro alturas que se destinaban a vivendas.
Foi, durante bastantes anos, o único teatro público da cidade e o lugar de ocio máis selecto. Era o centro da vida social e cultural e nel houbo concertos, zarzuelas, obras teatrais, bailes, mitins,…O poeta Zorrilla leu os seus versos no Principal, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán participaron nun concurso literario e personaxes como Calvo Sotelo ou Gil Robles organizaron nel importantes actos políticos.
No 1912 o cine chega a Ourense e o Teatro Principal, tres anos despois, proxecta a súaprimeira película, Viva el Rey, nunha sala remodelada e adaptada ás novas necesidades. Na transición pechouse e estivo a piques de desaparecer. “Trátase de salvar o Principal” foi a consigna dun grupo encabezado por artistas, profesores, arquitectos e xente da vida pública ourensá, que logrou que a remodelación comezara a principios dos anos 80. O Teatro Principal reinaugurouse en 1992.

Presentación 