Por vez primeira no Pórtico do Paraíso, temos a oportunidade de contar cunha lenda na interpretación da música antiga, unha auténtica estrela: a soprano Emma Kirkby. Con ela, o impresionante contratenor Robin Blaze e o excelente ensemble Florilegium. Todos eles abren esta terceira edición na Catedral, con música de Antonio Vivaldi e de Giovanni Battista Pergolesi, conmemorando así os 300 anos do nacemento deste último.

En Santa Eufemia a Real do Centro, un solista de excepción, o respectadísimo acordeonista Mika Väyrynen, cun programa que vai do Barroco á música dos nosos días.

O prestixioso grupo Alla Francesca, en Santa María Nai, trasládanos á Idade Media con músicas dos países mediterráneos, mesturando o relixioso e o profano de varias culturas.

Xa no Teatro Principal, recibimos un dos máis destacados cuartetos de corda europeos, The Carducci String Quartet, coa emerxente clarinetista Sarah Williamson. O seu programa romántico inclúe o Quinteto para clarinete en Si menor op. 115 de Brahms, unha das obras cume da música de cámara.

Clausuramos cunha proposta espectacular, a sorprendente formación Calefax Reed Quintet, por primeira vez en España, cun programa cheo de contrastes.

En paralelo aos concertos, desenvolvemos unha sección de actividades entre as que destaca a mesa redonda sobre a música antiga en Galicia, que reúne os nosos grandes especialistas con Brigitte Lesne, do Centro de Música Medieval de París. Ademais, profundizando no carácter pedagóxico que sempre mantivemos, inauguramos unha serie de encontros con algúns dos músicos que actúan nesta terceira edición do Pórtico do Paraíso, dirixidos a estudantes de centros públicos de ensinanza musical de Ourense.

Por último, cómpre sinalar que contamos cun presentador de auténtico luxo como mestre de cerimonias, o compositor e viola Alexandre Delgado. Presente no Pórtico dende o comezo, nesta ocasión imparte unha clase maxistral cuxo título é toda unha declaración de intencións: “Intentando escribir música que no sea fea ni aburrida”.

Só me resta agradecer ao Concello de Ourense e a todos os patrocinadores, os de antes e os novos, o seu compromiso co noso Festival, o Festival de todos os ourensáns.

Juan Enrique Miguéns, director do Festival Pórtico do Paraíso

© 2010 Pórtico do Paraíso - Todos os dereitos reservados - Acceso privado
ACV Galaica