Afrontamos esta III Edición do Festival Internacional de Música de Ourense “Pórtico do Paraíso” con ilusións fondas e renovadas. E moi satisfeitos, pois acabamos de ser admitidos como membros da Asociación Española de Festivales de Música Clásica “FestClásica”, recoñecemento que nos dá ás para seguir traballando con ilusión pola cidade.

Este festival naceu fai só dous anos cun modesto orzamento. Poñelo en marcha custou moito esforzo, pero o grande empeño por arrancalo viuse proxectado nos apoios recibidos dende esa primeira edición: apoio por parte do público ourensán que ateigou os distintos espazos onde tiveron lugar os concertos; e apoio tamén decisivo e constante do tecido empresarial da nosa cidade.

O noso modelo é o de involucrar a cidadanía para que o Festival Internacional siga camiñando exitoso e con paso firme no futuro. Por iso aspiramos a que sexa un modelo de colaboración ao cincuenta por cento entre o Concello de Ourense-Concellería de Educación e ese tecido empresarial ourensán do que falabamos.

Foi, precisamente, o compromiso do Grupo COPASA o que fixo posible este festival dende a súa I Edición; na II, sumáronse de xeito respectivo a EDITORIAL LINTEO, ESTEO Interiorismo e Deseño, CUEVAS e CYP Estudio de Arquitectura de Fernando Copa.

Froito do compromiso da nosa cidade, na presente edición sumamos máis apoios: GRUPO ACADEMIA POSTAL, VIAXES PIÑA e ANPIAN.

A todos e cada un deles, o noso máis sentido agradecemento no nome de todos os ourensáns.
Así mesmo, esta III Edición do Festival Internacional de Música de Ourense “Pórtico do Paraíso” conta co patrocinio da Consellería de Cultura a través do AGADIC. No nome da nosa cidade, agradecemos tamén esta nova incorporación.

Desexamos que todas e todos vostedes gocen do III Festival Internacional “Pórtico do Paraíso”.

Ana Garrido, Concelleira de Educación

© 2010 Pórtico do Paraíso - Todos os dereitos reservados - Acceso privado
ACV Galaica