Tras o éxito acadado nas dúas primeiras edicións, chega á cidade o III Festival Internacional de Música de Ourense “Pórtico do Paraíso”, coa finalidade de achegar a todos os ourensáns unha excelente oferta de música que virá enriquecer a oferta cultural da cidade ao tempo que fomentar o amor á música entre todos os ourensáns.

O Festival ourensán afronta a terceira edición co impulso que supón o recoñecemento obtido polo certame, que vén de ser designado socio de pleno dereito da Asociación Española de Festivais de Música Clásica “Festclásica” que reúne os máis importantes festivais de música clásica do estado español. En só dúas edicións, os excelentes resultados obtidos por Pórtico do Paraíso sitúan o festival de Ourense xunto a outros certames como os de Granada, Santander ou a Quincena Donostiarra, con máis de 50 anos de antigüidade, e fai da nosa cidade un punto de referencia do panorama de festivais musicais de todo o Estado.

Como alcalde quero felicitar a todos os profesionais que co seu bo facer están a conseguir que Ourense se sitúe en primeira fila no ámbito musical e ao público ourensán que, coa súa cálida resposta, está a facer deste un gran certame. Ter en Ourense un bo festival de música era ata hai pouco apenas un soño. Hoxe é unha realidade que nos enche de orgullo. Por iso, convido a todos os afeccionados á música a que gocen deste certame e da gran calidade das actuacións programadas, e a todos os veciños de Ourense a que aproveiten esta magnífica oportunidade para descubrir a marabillosa experiencia que é gozar da boa música.

Francisco Rodríguez, Alcalde de Ourense

© 2010 Pórtico do Paraíso - Todos os dereitos reservados - Acceso privado
diseño y programacion: ACV Galaica