Reviews
Blog
O festival Pórtico do Paraíso xa ten a punto o programa da quinta edición (16-12-2011)

O Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso ten xa a punto a programación da súa quinta edición, na que se desenvolverán cinco concertos en espazos emblemáticos da cidade. O evento comezará o día 2 de marzo na Catedral de Ourense coa actuación do grupo vocal instrumental Capilla Flamenca e continuará o día 4 de marzo co concertó do grupo de violín e piano composto por José Manuel Álvarez e Andreu Rivera. Os concertos continuarán o día 6 de marzo na Igrexa de Santa Eufemia coa actuación da soprano Raquel Alao e o organista Daniel Oliveira e o 9 de marzo, co concerto do pianista Alexander Melnikov no Teatro Principal. A actuación do cuarteto vocal The Orlando Consort, o 11 de marzo na Igrexa de Santiago das Caldas, porá fin ao festival. Unha programación que segundo o director do certame, Enrique Miguens, ten por obxectivo “ofertar poucos concertos pero de gran calidade”.
A programación do certame foi dada a coñecer este venres no Salón de Plenos do Concello de Ourense, nun acto ao que asistiron o alcalde, Francisco Rodríguez; a concelleira de Educación, Ana Garrido, o director do AGADIC, Juan Carlos F. Fasero e o director do festival, Enrique Miguens.
Na súa intervención, Ana Garrido subliñou a aposta do festival por acadar un modelo de financiamento que combina as achegas da institución pública co financiamento privado. “Sen a implicación da empresa privada e de toda a cidadanía non seriamos capaces de levar adiante un festival deste tipo”, declarou, ao tempo que calificou o certame como “un festival modesto en presuposto que enche os espazos más emblemáticos da nosa cidade”. Juan Carlos Fasero, pola súa banda, xustificou o apoio do AGADIC ao certame polas súas características. “Estamos ante un festival que ten en conta o patrimonio coa utilización dos espazos emblemáticos da cidade e que ofrece formación e unha programación artística de alto nivel”, declarou. O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, sinalou na súa intervención que o festival “é xa un evento relevante, de prestixio e recoñecido”, facendo fincapé na súa capacidade “para ofrecer música de alta calidade para o desfrute de todos os espazos emblemáticos da cidade, e todo isto redunda en beneficio dos vecinos de Ourense e de todas as persoas que nos visitan”.
Encontros cos músicos e conferencias
Ademais dos concertos, esta quinta edición do festival Pórtico do Paraíso levará adiante unha serie de actividades paralelas no Conservatorio de Música de Ourense. O día 5 de marzo haberá un encontró coa soprano Raquel Alao e o organista Daniel Oliveira, e o día 8 de marzo haberá unha conferencia a cargo de Julián Carrillo sobre: Reminiscencias de un niño prodigio, así como un encontró co pianista Alexander Melnikov.
Fuente: tempodelecerourense.com



